Biografía Obra Exposicións CRÍTICA Contacto
Galego
Sábado, 27 de Abril do 2024
CRÍTICAS E COMENTARIOS DA OBRA É AS EXPOSICIÓNS páxina: 4/4
Non hai na composición nin na execución ningunha concesión ó fácil, ó doceiro, á representación floral coa intencionalidade de lograr un efecto de abraiante beleza, senón unha sobriedade de elementos, unha valorización do simplemente cromático, que resulta sorprendente polo axuste que foi logrado.

(...) atopámonos ante unha artista, que sabe sentir e executar. O que parece, dito deste xeito, un dos subterfuxios con que os críticos tratan de eludi-la súa sincera opinión. Aquí non se trata diso, senón de asegurar que a artista ourensá non intenta soamente a plástica exterior dos cadros (como soe ocorrer con frecuencia) senón que, baixo a inspiración do seu sentido, deixa fluir a súa arte pictórica como un medio de expresa-lo que sente. Que é, en definitiva, o que debemos esixir a todo artista. E Carmucha Vázquez Prats demostra que o é

J. TRAPERO PARDO
Crítico de Arte
A Carmucha, víaa eu de neno desde a miña fiestra da rúa de Lamas Carvajal, eramos veciños e a súa casa daba fronte a miña. Un día, lembro, vestía un exquisito e seráfico traxe Níveo de Primeira Comuñón, estaba toda Branca e Bela, cos seus negros e brillantes bucles impasibles.

Eramos amigos e iso supuxo a inevitable foto de primeira comuñón os dous xuntos. Consérvoa non por nostalxia nin pola morriña dese tempo en rosa. Consérvoa porque é unha foto plenamente fermosa. É unha reliquia de posguerra, case unha miniprofecía.

Ela e eu non sabiamos nesa idade máxica e candente de fantasías que a nosa poética ía se-la pintura. E así foi, fixémonos pintores os dous.

O xeroglífico no labirinto da vida, soprou e levounos por sendeiros moi distintos.

Alá por finais da década dos sesenta, cando aínda vivía Franco e cantaban os Beatles, encontrei outra vez a Carmucha. Foi na Galería Toisón de Madrid. Ela expoñia paisaxes. Gustáronme moito. Vía nesa pintura toda unha estética lírica e poboada de encantos.

Ó ve-los seus cadros creo que me pasou algo parecido ó de Marcel Proust na súa "busca do tempo perdido". Eu lembraba o soño, un presaxio do vivido nun a afastado tempo dourado no meu Ourense.

Posteriormente, vin unhas exposicións de Carmucha. A sú pintura é para min, e segue sendo, tan luminosa, simple e poética como aquel traxe níveo que ela levaba aquel día e que eu, rigorosamente, observaba co meu espíritu infantil acazapado na miña fiestra-observatorio de Lamas Carvajal 6.

O resto déixoo para a crítica especializada. Parabéns Carmucha.

XAIME QUESSADA
Pintor
(...) o seu estilo persoalísimo, no que as dotes femininas de intuición e tenrura se alian perfectamente cun exquisito sentido cromático e co vigor do debuxo e da composición, dote esta última que a crítica fixera resaltar nas súas exposicións anterior.

Pero tal vez o máis característico ou, tal vez, se se quere, como unha constante en moitos artistas galegos enxebres, é a sensación de volume que domina na súa pintura, neste caso, lograda principalmente mercé ó emprego da espátula, e, á vez, unha perfecta fusión cósmica entre a vida vexetal, que enche os fondos, impregnados de profundidade e misterio, e a humanidade, que rebordada de vida e tenrura, se atopa alí inmersa. Polo seu ton vital, queda definida como unha pintura máis ben eufórica.

JESÚS FERRO COUSELO
Director do Museo Arqueolóxico de Ourense
 1   2   3   4 
© Vázquez Prats. Todos os dereitos reservados. Optimizado para Mozilla FireFox, Google Chrome ou Internet Explorer, cunha resolución mínima de 1024 pixels